A Construción
O lagar da cera é unha edificación cunha prensa que se utilizaba para procesar a cera das abellas. Denomínase lagar, tanto o edificio específico como a prensa de viga empregada na extracción da cera dos favos das abellas. Aseméllase en moitos aspectos aos lagares do viño, sidra ou aceite, aínda que ten unhas características propias derivadas da materia prima que vai prensar.
Este lagar acolle todos os elementos dos que se valían os artesáns cereiros durante a elaboración da cera amarela:
- A caldeira de cobre para ferver os favos coa auga;
- O conxunto de prensa de viga (formado por unha trabe de 7 metros de lonxitude;
- O taco de prensar, chamado aquí chapuzo;
- As pías de pedra onde se decantaba a mestura e se separaba a auga da cera;
- O peso de pedra co seu fuso para poder exercer a presión;
- As pías de pedra nas que se arrefriaba a cera, colocadas contra as paredes da edificación.
No conxunto do Estado e da Península apenas existen exemplos conservados de lagares da cera, polo que o de Paraños é un elemento etnográfico dunha enorme importancia.
Curadoiros da cera
Os curadoiros ou eiras da cera son espazos arquitectónicos ao aire libre, cubertos con lousas de pedra e que adoitan formas diversas, podendo estar a rentes do chan ou elevados. Normalmente están orientados cara ao sur, sen ningún obstáculo que produza sombra para favorecer o mellor aproveitamento da insolación.
Son estruturas rectangulares, compostas por grandes lousas de granito, traballadas pola cara visíbel cunha leve inclinación. Conforman un empedrado perfecto e moi ben traballado que remata en todo o seu perímetro, nunha sorte de bordo feito en pedra elevado sobre a superficie da eira. Estes curadoiros poden chegar a ter unha superficie de 132 m2.
Usábanse para branquear a cera ao sol (que era estendida sobre a súa superficie durante varios días). Con este proceso conseguíase que o efecto fotoquímico da radiación solar tornase a cera amarela en branca (chamada popularmente “cera esperma”).