A CMVMC de Paraños, pertence ao concello de Covelo, no Sur da provincia de Pontevedra. Un concello montañoso polo que camiña o curso alto do río Tea, afluente do Miño e encostado na ladeira Oeste das últimas elevacións da Dorsal Galega, pouco antes de morrer no pai Miño.
Datos básicos
A parroquia de Paraños, está situada ao Sur do Concello lindando co concello de Mondariz, nunha zona penichaira orientada ao SO, entre os 350 m de Rega das Bestas e A Lagoa e os 752 m de Seixos Albos. Está atravesada de Nordeste a Suroeste polo río Xabriña, afluente do Tea (ambos os dous incluídos na Rede Natura 2000, aínda que non totalmente).
É unha parroquia de escasos 200 habitantes que viviu básicamente, ata mediados do século XX, da agricultura e a gandería. Sufriu fortemente a emigración a América do Sur e Portugal, principalmente na primeira metade do século XX e, posteriormente a Europa (Suíza e Alemaña).Na segunda metade do século pasado moitas persoas ían diariamente a Vigo traballar na construción ou nas fábricas. Moitos rapaces estableceron a súa morada na grande urbe traballando no comercio. Hoxe en día a xente moza, ou non tan moza, marcha especialmente para vilas e cidades dos arredores, a pesares das boas vías de comunicación que existen (está a 30 minutos en coche dende Vigo e a 40 da cidade de Ourense).